Tuesday 24 de September de 2024

Cambre acorda co resto de alcaldes da comarca a modificación da ligazón da Vía Ártabra coa AP-9


Solicitarán unha entrevista coa Xunta para modificar o entroncamento coa Autoestrada na Gándara e que sexa libre de peaxes

O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, reuniu ao resto dos alcaldes da comarca para abordar a continuidade da Vía Ártabra. Á cita acudiron o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane; a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez; o alcalde Sada, Óscar Benito Portela; o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso; o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo; o alcalde de Betanzos, Ramón García; e o primeiro tenente de alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboó. O alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, non puido asistir por problemas de axenda. Na reunión abordouse o trazado da Vía Ártabra aprobado pola Xunta en 2009, a conexión coa AP-9 e as peaxes que terá a vía.
Todos os presentes acordaron pedir unha reunión co presidente da Xunta para rasladarle unha proposta consensuada para a ligazón coa AP-9. En concreto, os alcaldes esixen que se modifique o entroncamento previsto coa Autoestrada do Atlántico pola Gándara. En lugar diso, solicitan que se manteña a conexión coa autoestrada tal e como estaba exposta no trazado aprobado no pleno de Cambre por unanimidade en Catro Camiños, libre de peaxe, co obxectivo de que no futuro teña continuidade ata a A-6, tal e como estaba aprobado e proxectado desde o principio. Aseguran que estas peaxes deberán ser gratuítos para os veciños e entenden que é un custo asumible dado que a obra que está a proxectar a Xunta é moito máis custosa. Así, o aforro que se produciría podería mesmo servir para negociar coa concesionaria do servizo as peaxes gratuítas. Segundo García Patiño, o que se lle vai a solicitar á Xunta é un estudo para ver a viabilidade de realizar o nó en Catro Camiños libre de peaxe. “Descartamos que ese nó sexa na Gándara porque a afección ambiental é enorme, e é un gasto inútil cando se pretende a continuidade da Vía Ártabra cara á A-6. É unha vía imprescindible non só para Cambre se non para toda a comarca coruñesa”, apuntou. García Patiño, cre que o entroncamento que pretende levar a cabo a Xunta, proxecto que nestes momentos está a redactarse, non ten sentido se se quere prolongar o trazado ata a A-6 nun futuro. “Queremos que afecte o menos posible ao territorio, o lóxico é que se continue tal e como estaba aprobado cun viario que non supoña unha gran afectación ao noso veciños pero que sirva de cinto para a comarca”, apostilou.